Deu en nacer nunha cidade mollada e foi nena, tal e como querían mamá e papá. Abriu os ollos de seguido para non volver a pechalos nunca. Dixeron todos que a cativa movía a cabeza dun lado a outro ás poucas horas de nacer, quizais porque daquela aínda lle gustaba o que vía. A cidade tamén lle axudou a construir o verso. No poema “Balada de una bicicleta con alas” Alberti di “casi todos [mis versos] hablan del mar”. Berta Dávila, quizais porque nace en Santiago de Compostela, non fala do mar nos seus versos e, cando o fai, de seguro minte ou fantasea. Do 1987 non lembra cousa algunha, talvez porque só viviu seis horas nel. Dáselle por pensar que probablemente chovía a cántaros,  que a auga sobre a pedra trazaba espellos no chan e tamén que alguén tocaba a guitarra abrigado nun dos soportais das rúas vellas. Diso, curiosamente, si falan os seus versos. 

    Comía mal, e tivo tres avoas que deron en cantarlle e inventar contos longuísimos como por exemplo “Pilita no se quiere bañar, y hacia el bosque echa a andar”, e tamén as historias dunha heroina decimonónica que levaba o nome de “Genoveva de Brabantes”, e ao xeito de Isolda, comía das raíces das árbores dun bosque.

    Tampouco durmía ben, entón a nai aprendeu a facer súa toda a literatura infantil que era quen de atopar, e así arrolaba á pequena coas vicisitudes dos tres porquiños, da cincenta de o frautista de Hamelín, co propósito de facela durmir. Pero co tempo a nena percatouse de que ademais da literatura estaban outros vicios como o chocolate ou ficar na cama ata as doce da mañá, e entón os libros deixaron de ser excusas para converterse en rutinas e necesidades diarias.

     Entón cultiva unha aficción pola lectura desordeada, compulsiva e en cantidades que rebasan os límites de calquera economía familiar. Os pais, desesperados por tanta urxencia libresca, fanlle o carnet de socia de varias bibliotecas de Santiago e acoden á biblioteca familiar para saciar as ansias da devoradora. Escribe,  porque tanto o pai como a nai tiñan moita, moitísima paciencia, porque o rato Pérez deixaba un libro baixo a almofada, porque as bibliotecas dos dous avos eran amplias e variadísimas e porque na casa sempre había libros abertos e xente a ler ou a falar deles. 

     A súa andaina coa poesía comeza da man destes libros de infancia, pero o feito máis determinante e significativo do seu camiño como escritora ten lugar ben pequena: mamá agasállaa cun libro con preciosos debuxos e fotografías, cargado de palabras estrañas e marabillosas que se titula “Rafael Alberti para niños” (Ediciones de la Torre). Nese momento crucial, acunada polas circunvalacións e o sabor das palabras de Alberti, comeza a ler poesía de maneira irremediable e a súa escrita salta dos pequenos relatos aos versos, xa para sempre. 

    Aos oito anos, unha profesora realmente contenta cos deberes de lingua da rapaza, pídelle que lea en voz alta, diante de todos os seus compañeiros da clase dun colexio publico de Santiago, unha redacción sobre a familia, que a nena, realmente estrañada, escribira por petición da mestra. A partir dese momento comeza a se presentar aos premios da escola e chega o primeiro recoñecemento: un primeiro premio de relato no colexio, co que acada o meritorio agasallo que se acordara nas bases do certame para a súa categoría: un cd co single de Cindy Lawper “Hey Now”, unha gorra, unha camiseta e unha caixa de lapices de cores.

    Mais tarde os pais, mestres de profesión, obteñen o destino definitivo preto da vila de noia, a 35 km de Santiago, e marcha da cidade para continuar a educación obrigatoria nun CPI de Lousame, onde ademais de facer amigos descobre un galego distinto e marabilloso, cotiá e amable, moi diverxente á lingua que percorría a capital de arriba abaixo.

    Da escola ao instituto, acaba saltando a outros premios, xa máis maior, e así acada o premio Minerva de poesía en dúas edicións (2004 e 2005), varios premios en campañas sucesivas de Entre Nós en Galego (2002, 2003, 2004 y 2005), o premio Golpe de Dados na facultade (2006) ou o do Concello de Ames. Con todo iso merca maioritariamente libros de autores hispanoamericanos e obras completas de clásicos da literatura española e galega.

     Publica os seus primeiros poemas en revistas, plataformas dixitais como Alcalima e en libros colectivos como No ocaso dos poemas e Ningunha primavera máis sen flores editados pola editorial Galaxia e o Colexio Manuel Peleteiro. Edita tamén dúas plaquettes de poemas: A pel das améndoas (2006) Desnudos de mujer con los labios pintados de rojo y una bala granate en el bolsillo (2007). 

     Ao chegar á facultade de filoloxía na Coruña (2005) comeza a publicar en revistas, a impartir talleres de poesía e a tomar parte en recitais. Participa como ponente nas xornadas de Poesía Última 2006 da Fundación Alberti (El Puerto de Sta María, Cádiz) con publicación nas actas do congreso “Poesía última 2006? de artículos, poética e poemas propios. Un retorno a Alberti tan necesario como constructivo, que cambia probablemente a liña da escrita da autora. 

    En 2006 abre as portas da casa ata a cociña, e comeza a estender a poesía a outros terreos. Colabora, entón, con Siracusa Bravo Guerrero, poeta sevillana, nunha esposición de poesía visual, co poema triangular “fotosíntesis en la noche”.  Colabora tamén coa artista plástica Carmén Chacón (A Coruña) en outubro de 2006 do que sae o libro-catálogo Sin ellas, editado por edicións Embora. 

   É en 2007 cando chega o libro Corpo baleiro, en Espiral Maior, que percorre agora escaparates e expositores de librarías que a propia autora dos versos probablemente non coñece, e que viaxou en maos amigas máis lonxe que ela mesma… por exemplo a Praga ou a Bos Aires…  

   Actualmente Berta Dávila traballa nunha novela, nun novo poemario e nunha exposición de poesía visual. O seu segundo libro, Dentro, será editado proximamente por edicións Fervenza con motivo do premio Avelina Valladares 2008. Os seus proxectos pasan por pechar esas portas e abrir outras novas, co propósito de continuar a escribir, apre(hen)der, ser e vivir…